Tuesday 23 de April de 2024

Aprobada a creación dunha comisión de seguimento para desbloquear a sede do Club de Remo


O Pleno da Corporación Municipal de Ribeira aprobou onte a creación dunha comisión de seguimento para desbloquear a parálise na que se encontra o proxecto para construír a sede de deportes náuticos na que acoller ao Club de Remo Náutico de Ribeira. A proposta contou cos votos a favor de PBBI, BNG, PSOE, SR e os votos en contra do PP.

A iniciativa presentada conxuntamente polo BNG, PBBI e SR no mes de setembro foi defendida polo portavoz nacionalista, Luís Pérez Barral, quen esgrimiu que a pesar do atraso co que se debate o tema, este equipamento deportivo segue sendo unha necesidade urxente para os deportistas que practican remo. “As instalacións actuais non reúnen os mínimos de seguridade nin de confortabilidade ao non dispoñer de auga quente, vestiarios, foso de adestramento, espazo para estudo, etc”.

Os grupos recriminaron a mala xestión e a incapacidade do goberno local para avanzar nos proxectos importantes do municipio, lembrándolle que moitas obras acumulan meses e anos de atraso ou sobrecustos insostibles, situación que exemplificaron coa estación de autobuses ou o novo auditorio.

Segundo Pérez Barral a creación dunha comisión de seguimento “é vital porque o Partido Popular leva co proxecto paralizado desde 2018. O único que fixo foi gastar tempo e recursos en facer sete proxectos sen chegar a materializar ningún deles”. Barral concluiu asegurando a insistencia e constancia do Club foi chave e que a comisión permitirá axilizar e fiscalizar cada paso para que Ribeira teña un equipamento destas características máis pronto que tarde.